Non nos entenden non.

Unha xerra de auga fría pola cabeza nunha noite de inverno. 
Esperabamos que as Administracións comprenderan a longa noite de pedra que atravesa o sector, pero non, non nos entenden non.

O R.D. 17/2020

Queda patente que a administración non comprende a que nos adicamos nin como está estruturado o sector. Consideran que o noso sector (entendemos que englobado dentro das Artes Escénicas) pesa menos do 10% dentro do que catalogan coma sector cultural. Non se reflicte o efecto locomotora da industria do espectáculo, recollida incluso en Galicia por Agadic baixo a marca FestGalicia.

Asume o R.D: no Art. 2 que os artistas dentro do seu réxime especial merecen unha prestación en base á súa actividade no ano anterior, asumindo así a alternancia nos ciclos de traballo. Pero non alcanzan a entender que a industria que da soporte aos artistas atópase nas mesmas condicións. Todos os profesionais técnicos quedan excluídos neste R.D.

Polo demais, se establecen axudas directas a exhibidores de cine e películas, a creación dunha Sociedade Garantía Recíproca para facilitar o crédito á empresas (asimilable á liña do IGAPE), sistemas de axudas á arte contemporánea e unha serie de axudas pendentes de convocatoria e desenrolo de “a) Apoyo al mantenimiento de las estructuras de las artes escénicas y musicales” e “b) Ayudas a las actividades escénicas y musicales y proyectos culturales” artelladas a travé do INAEM.

Dáse lixeira atención á resolución dos contratos do sector público de interpretación artística e espectáculos e ás actividades subvencionadas e canceladas.

DEBEMOS COMUNICAR

e facer chegar a quen toma decisións que non están comprendendo o noso sector. 
Somos sabedores das deficiencias estruturais que padece a industria do espectáculo, non pretendemos aproveitar a situación para solucionalas. Pero si é obriga dar solucións concretas aos problemas puntuais que sofren os traballadores profesionais técnicos. 
A práctica totalidade dos sectores produtivos están hibernando, pero recoñecida a imposibilidade de traballar dos artistas, débese recoñecer a imposibilidade de traballar da industria que lles da soporte.

1. Plan de apoio aos profesionais e á industria do espectáculo en Galicia. 

Desvinculando os ERTES e ás axudas a autónomos do estado de alarma, evitando o consumo da prestación por desemprego daquelas traballadoras e traballadores intermitentes que están usala porque non existe industria agora mesmo na que traballar e dando amparo aos que xa esgotaron estas prestacións porque comezaría agora a tempada de traballo.

2. Un organismo de control da crise da industria cultural e do espectáculo. 

A creación dun organismo para o control da crise capaz de articularse como canle de interlocución entre as diferentes partes e colectivos culturais e administracións de cara a axilizar a toma de decisións . Nestes momentos de confinamento, a sociedade comprendeu a valía e o apoio vital que dá no día a día a cultura ás súas vidas. Este organismo debería valorar declarar a cultura como ben de primeira necesidade. Porque axuda á sociedade cada día e cada noite de confinamento.

3. A creación dun plan estratéxico para os anos 2020/2022. 

Consideramos que debe de ser prioritario un plan dende o primeiro día da Fase 1 para que abranga dende este mesmo ano 20 ata, polo menos, o 22. Somos conscientes que dispoñemos no nivel galego un incentivo importantísimo como é o ano Xacobeo do vindeiro ano 2021.
As actuacións no eido cultural, deben ser estudadas con detemento, para aproveitar este evento como ferramenta para o asentamento laboral en Galicia.

Consideramos que especialmente nesta delicada situación, por en valor e favorecer as/os artistas e traballadoras/es galegas/os ten máis sentido ca nunca.
Non son tempos de grandes eventos con grandes titulares. Son tempos de moitas accións máis comedidas que dean cabida aos profesionais.

4. Elaboración dun plan de prevención nos servizos e producións de eventos e espectáculo. 

O risco de contaxio debe ser considerado como accidente de traballo, e incorporado aos plan de prevención de riscos coa axuda do ISSGA. Cando poidamos levantar a persiana, debemos estar informados e preparados para traballar con garantías.

5. Creación a medio prazo do Estatuto do Profesional do Espectáculo. 

A estacionalidade, a intermitencia, os períodos de apancamento alternados con tempadas de forte carga de traballo, someten ás e aos profesionais técnicos a unha situación asimilable ao Estatuto do Artista (salvado as debidas distancias). Se se recoñece a intermitencia e as peculiaridades do artista, non é razoable recoñecer a intermitencia e as peculiaridades da industria que lles da soporte?

Solucións concretas a problemas concretos.

Deixa unha resposta