RESUMO PARA ASOCIAD@S DO RD 8/2020:

TRABALLADORES EN RÉXIME XERAL:

Perante o parón total da actividade no sector, é moi posible que a vosa empresa solicite á autoridade laboral competente un Expediente de Regulación Temporal de Emprego, os famosos ERTE. As empresas deben informar aos representantes dos traballadores desta decisión.

Esta ferramenta, xa presente dende hai uns anos no noso regulamento, permite facer un paréntese na relación laboral co obxectivo de manter o posto de traballo extinguidas as causas temporais que motivan o expediente. O contrato non se extingue, polo que non hai dereitos a compensacións nin “finiquitos”. Simplemente, hai unha pausa na relacións entre traballador e empresa. As últimas medidas aprobadas modifican sensiblemente as condicións dos ERTE.

  • Que traballadores se poden incorporar a un ERTE?

Todos aqueles que coticen en Réxime Xeral, sen excepcións. Pode haber certos matices para embarazadas, traballadores de especial protección ou membros de SAL ou Coops.

  • Que duración ten o ERTE?

A duración a determinará a empresa e deberá alegar as xustas causas desa duración. A autoridade laboral deberá resolver se a duración está xustificada para aprobar o expediente. Non é necesario axustar a duración ao Estado de Alarma.

  • Pode a empresa chamarte antes de que finalice o prazo aprobado pola autoridade laboral?

Si, pode solicitar a incorporación de algúns (escalonadamente) ou de todos anticipadamente.

  • Hai algunha antigüidade mínima?

Non. Unha das modificacións destas medidas excepcionais é que non hai que ter un mínimo de desemprego acumulado.

  • Canto se cobra en ERTE?

Un 70% da base reguladora que aparece na vosa nómina perante os primeiros 180 días. Despois pasa a ser un 50%.

  • Quen paga á traballadora ou traballador durante un ERTE?

O SEPE, cóbrase do desemprego acumulado. Outra medida nova e que non se consumirá o paro acumulado.

  • A empresa cotiza pola traballadora ou traballador mentres dure o ERTE?

Si, pero outra das medidas é que en empresas de menos de 50 empregados se lle bonifica o 100% das cotas, é dicir, séguese a cotizar pero sen custo para a empresa.

  • Teño que comunicarlle ao SEPE a miña situación?

De entrada, si. Actualmente as oficinas están pechadas ao público, polo que estamos agardando explicacións polo miúdo. Podería ser telemáticamente (DNIe ou certificado dixital), por teléfono ou plantéxase un suposto de comunicación colectiva.

NOTAS:

Pásase de ter un único pagador (no caso de contratos indefinidos) a dous, coa implicación que isto ten na declaración da Renta do vindeiro exercicio. Diferente tributación. Coidado coa sorpresa.

A autoridade laboral vai a ser (e está a ser) moi estrita coa valoración para a aprobación dos ERTEs.

TRABALLADORES AUTÓNOMOS:

 Hai variacións no cobro da prestación por cese de actividade, o coñecido como “paro dos autónomos”, de tan difícil acceso ata agora

  • Quen pode cobrar a prestación por cese?

Os autónomos para cobrar a prestación por cese de actividade, deberán cumprir as condicións detalladas no artigo 17:

–  Estar de alta o pasado 14 de marzo

–  Acreditar ou ben a suspensión da súa actividade ou ben unha redución na facturación de un mínimo dun 75% respecto aos seis últimos meses.

–  Estar ao días nos pagos da SS.

  • Canto dura a prestación?

Esta prestación durará 1 mes a menos que o Estado de Alarma de prolongue.

  • Canto se cobra?

O 70% da base reguladora. No caso de cotizar pola mínima, 944,40 € (unha cota de 286,15€) a axuda ascende a 661,08 €.

  • Teño que seguir pagando a cota mensual?

Os autónomos que logren esta prestación, non. Pagaralla o SEPE.

DESEMPREGADOS:

O Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE), acordou o seguinte:

  • Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o día 30 de abril.
  • Se tes que realizar un trámite urxente e imprescindible na túa demanda, poderás facelo a través da oficina virtual ou contactando por teléfono ou correo electrónico coa túa oficina de emprego (http://emprego.xunta.es/buscador-oficinas)
  • Quedan suspendidas as citas presenciais de orientación.
  • Quedan aprazadas, mentres dure a suspensión das actividades educativas, as accións de formación profesional para o emprego xestionadas ou financiadas pola Xunta de Galicia, os obradoiros de emprego e os programas integrados. 

Deixa unha resposta